Leiceaga promete reactivar o autogoberno fronte ao "balance cero" de Feijóo

Leiceaga intervén na ofrenda do PSdeG a Castelao en Rianxo CC-BY-NC-SA PSdeG

O PSdeG celebrou este 25 de xullo por primeira vez a súa ofrenda a Castelao polo Día Nacional de Galicia con Xoaquín Fernández Leiceaga á fronte. Sen Executiva Nacional e a apenas un mes da convocatoria das eleccións, o candidato á Presidencia, acompañado pola presidenta da xestora do partido, Pilar Cancela, asumiu o peso da mensaxe política nunha xornada na que os socialistas apostaron por reivindicar as orixes da autonomía galega para prometer reactivala "cando gobernemos" fronte ao "balance cero" de Alberto Núñez Feijóo en materia de autogoberno.

Despois de que, nos últimos días, quen fora o seu opoñente nas primarias, José Luis Méndez Romeu, cuestionase abertamente o papel histórico do PSOE nos anos previos á Guerra Civil, Leiceaga comezou a súa intervención ante o busto rianxeiro de Castelao reivindicando a xestación do Estatuto do 36 e, nomeadamente, o papel que no seu impulso tivo o que fora alcalde de Ferrol, Xaime Quintanilla, despois "vilmente asasinado por ser socialista". Daquel Estatuto parte a condición constitucional que Galicia obtivo "fronte a visións conservadoras que insistían na indiferenza dos galegos a respecto da autonomía". Nesa loita "o PSdeG deixou a pel", reivindicou, a través de persoas como Ceferino Díaz.

No entanto, lamenta, esa autonomía estivo "o 80% do tempo" gobernada por unha dereita "á que lle faltou a visión dun proxecto colectivo". "No soubo facer país e, nos últimos sete anos, puxo o país marcha atrás". Feijóo, censura Leiceaga, "rachou os equilibrios, minorizou o galego para buscar réditos electorais" e limitou "a xestión da autonomía", como Fraga, á "administracion da miseria, o clientelismo e a inacción". "Non houbo proxecto e nós temos que ofrecer un proxecto de país" que supere "a administración clientelar da supervivencia política, un impulso novo".

Leiceaga asegura que, se goberna, reivindicará as transferencias da AP-9, da inspección de traballo e das competencias de Policía e tráfico

Esa, asegura, será a intención do PSdeG se chega ao Goberno despois das eleccións de outubro, nun contexto no que cómpre "estarmos atentos contra as tentacións insolidarias e contra quen queren baleirar o autogoberno". A autonomía, mantén Leiceaga, é o mellor modelo posible para Galicia e por iso o PSdeG se "preocupará" por desenvolvelo, a comezar por retomar as transferencias de competencias despois de que Feijóo "non conseguise ningunha malia ter un goberno amigo" en Madrid.

Así as cousas, o candidato socialista fixa como prioridades tres transferencias de competencias. Á xa reclamada da autoestrada do Atlántico -pedida unanimemente polo Parlamento, pero vetada no Congreso dos Deputados- une a da inspección de traballo e outra xa avalada por unha lei da etapa do bipartito que nunca chegou a ser desenvolvida, a da policía e control do tráfico. Co PSdeG á fronte, augura, Galicia logrará "completar o modelo autonómico".

Ofrenda do PSdeG a Castelao CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.