Beiras salienta que o espírito das Irmandades da Fala está nas mareas

Intervención de Xosé Manuel Beiras, este 25 de xullo no acto de Anova © Anova

Anova celebrou no Parque de Galeras de Compostela o seu acto polo 25 de xullo. Un encontro político no que Xosé Manuel Beiras chamou a participar na Marea Constituínte convocada en Vigo para este 30 de xullo e que, destacou, debe ser o punto de partida dunha "marea galega" que chegue ata as eleccións ao Parlamento galego deste outono. Beiras defendeu a creación dun partido instrumental de adscrición individual como suxeito político para participar nos comicios. "O núcleo das mareas é cidadanía de a pé, con independencia de que estean adscritas ou non a un partido". Beiras sinalou que na asemblea de Vigo deben quedar "definidas as cuestións indispensables para esa concorrencia ás eleccións e as bases dun proceso constituínte".

No encontro político organizado por Anova, a formación rendeu homenaxe ás Irmandades da Fala, co gallo da celebración do centenario da súa formación, neste 2016. Beiras destacou a este respecto que "o espírito das Irmandades da Fala está nas mareas".

No acto participou Antón Sánchez, coordinador nacional de Anova, as deputadas no congreso Alexandra Fernández e Miguel Anxo Fernán Vello, a eurodeputada Lidia Senra, varios alcaldes (dende Marcos Besada a Martiño Noriega) e, como convidados, Carlos Aymerich ou Suso Veiga, que recentemente abandonaron o BNG.

Aymerich interveu como membro do Foro Galego, destacando que "non nos valen organizacións construídas ao redor dun partido-guía. Non queremos partidos-guía que escriban e interpreten eles sós a axenda do pobo. Queremos organiacións vivas e abertas que leven a cabo a axenda que o pobo escribe. Non queremos sectarismos, queremos irmandande e irmandade non só cos de dentro".

Mentres, Antón Sánchez pediu "empurrar todos e todas" para un "proxecto para un novo tempo político". E Lidia Senra lembrou que "os homes seguen mandando nas nosas organizacións" e pediu "rachar os teitos de cristal".

 

Intervención de Xosé Manuel Beiras, este 25 de xullo no acto de Anova © Anova
Peche do acto © Anova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.